Copy

Boletín informativo de Setembro-Outubro

Presentamos o boletín nº 4 da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. É un resumo informativo bimensual que, nesta edición, recolle as actividades máis destacadas de novembro e decembro.
Aquelas persoas que desexen colaborar poden enviar a súa información a escola.conservacion.galicia@edu.xunta.es

FELICES FESTAS E VENTUROSO 2020

Remata xa 2019, un ano cheo de actividades e novidades para o noso centro. Botamos a vista atrás e lembramos o Proxecto Auga dos Cebros, os proxectos levados a cabo en Albania, o novo almacén do centro...

Moitas, moitas cousas pasaron en 2019, pero sobre todo destacamos a saída da promoción 2018-19. Un novo grupo de profesionais están xa preparados para traballar na conservación do patrimonio cultural.

Nes boletín repasaremos os acontecementos de novembro e decembro e aproveitamos para desexarvos unhas felices festas e un venturoso 2020.

BENVIDA A ESTUDANTES ERASMUS

A Escola é este curso máis internacional que nunca, polos proxectos nos que participa no extranxeiro pero tamén pola acollida de estudantes de outros países a través do programa Erasmus Plus. Coa chegada do último estudante Erasmus previsto para este curso fíxose unha pequena benvida oficial para Evarist Marashi, Izmir Bahja, Xhovana Zenkollari, Adi Shehu, Eva Çiçiku e Fjoralba Përzhita de Albania, India Scotti-Foglieni procedente de Italia e Pheach Nimol que ven de Camboia. Agardamos que desfruten da súa estancia con nós.

Podes coñecer máis a fondo o programa Erasmus na web da Escola.

IX ENCONTROS DE CONSERVACIÓN RESTAURACIÓN
 
Do 13 ó 15 de novembro celebramos o IX Encontro de Conservación e Restauración, organizado polo Museo de Pontevedra e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. O tema desta edición foi a pintura mural e o seu estudo, conservación e restauración. Durante tres xornadas profesionais destacados deste campo compartiron novidades tales como a aplicación da enxeñería ou a microbioloxía bacteriana, experiencias que veñen dende o British Museum, Pompeia ata a Ribeira Sacra.

PRESENTACIÓN DO PROXECTO SIG BRANCO

Jimena Calleja, xestora de proxectos da Asociación de Conservadores Restauradores de España, ACRE, presentou na Escola a posta en marcha de SIG Blanco, un proxecto de xeolocalización de intervencións públicas en patrimonio cultural.
 

DIFUSIÓN DENTRO E FORA DA ESCOLA

A Escola pretende dar a coñecer a oferta formativa da Escola e tamén a actividade dos conservadores restauradores de bens culturais. Por este motivo organízanse campañas de difusión e recíbense visitas coma a realizada o pasado mes de novembro polo IES Politécnico de Vigo. Para facer visitas organizadas á Escola só hai que dirixir unha solicitude ó correo escola.conservacion.galicia@edu.xunta.es.

Por outra banda, cabe destacar que a Escola saiu en máis de 120 ocasións ó longo do ano en medios de comunicación (prensa, radio e televisión). En redes sociais, pechamos o ano con máis de 5000 seguidores en Facebook, 3800 en Twitter, 1050 en Linkedin en 1260 en Instagram.

A BIBLIOTECA MEDRA

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais é beneficiaria novamente neste curso do PLAMBE.

Nos últimos cursos implementáronse moitas melloras: un notable aumento dos fondos,  nova zona de lectura, novo aula de recursos, horario ampliado e voluntariado de alumnos.

Coa subvención acadada dende a Coordinación da biblioteca aumentaremos o espazo de biblioteca, o mobiliario e os recursos ofrecidos ós usuarios da mesma.

Tamén traballamos no intercambio bibliotecario, conseguindo estes últimos meses a colección completa do Boletín do Museo Arqueolóxico Nacional, entre outros materiais.

EMISIÓN DO PROGRAMA "YO SOY ERASMUS"

En outubro recibimos a visita do programa de TVE2 "Yo soy Erasmus" para recoller as experiencias Erasmus que se xestionan na Escola, tanto para profesorado como para alumnado.
O pasado 18 de decembro emitiuse a gravación, que pode verse libremente a través desta ligazón.

MESA DE CULTURA DO PLAN ESTRATÉXICO DE GALICIA.

A Escola Superior de Conservación e Restauración de bens Culturais de Galicia foi convidada a participar na Mesa de Cultura Plan Estratéxico de Galicia 2021-203. Carmen Lorenzo e Álvaro Arizaga, directora e xefe de estudos da Escola, representaron ó centro para sinalar os retos que temos por diante na conservación do patrimonio cultural galego.

PROGRAMA DE RECOLLIDA SELECTIVA DE RESIDUOS

Este curso implantamos facilidades para promover a reducción de residuos e, especialmente, de emprego de plásticos. Pretendemos integrar novos hábitos de vida e traballo que promovan a reutilización, a reparación e a reciclaxe.  Tamén implementamos un novo sistema de recollida de residuos tóxicos que facilita o traballo da empresa que recolle estes materiais. Deste xeito, será máis doada a retirada de envases, sólidos, disolventes e outros productos de laboratorio inherentes á conservación restauración de bens culturais, minimizando o seu impacto ambiental.

PEZAS QUE PASARON POLA ESCOLA

Lembramos nesta sección algunhas das pezas que teñen pasado pola Escola.

Nesta ocasión botamos a vista a 2009, ano no que a Escola devolveu á Capela da Pastora de Cambados esta fermosa Virxe co Neno do s. XVIII. Unha foto de detalle da man dereita e parte da saia protagoniza a postal de Nadal enviada pola Escola este curso.

Podes ver máis imaxes desta ou doutras intervencións na web da Escola.

HEMEROTECA


Consulta neste apartado as aparicións da Escola en medios de comunicación durante os dous últimos meses.

 

Copyright © 2019, All rights reserved.
Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia

O noso enderezo electrónico é:
escola.conservacion.galicia@edu.xunta.es

Queres cambiar o xeito en que recibes esta información?
Podes cambiar as túas preferencias ou darte de baixa da lista






This email was sent to <<Email Address>>
why did I get this?    unsubscribe from this list    update subscription preferences
Formación · Rúa Xeral martitegui s/n · Pontevedra, Or 36002 · Spain

Email Marketing Powered by Mailchimp